19/11/07

POR FIN CHOVE




A terra xa precisaba unha molladura. Sexa ou non provocado polo "cambio climático" a verdade é que a choiva nesta época do ano na que estamos é moi escasa e as reservas de auga cada vez van a menos. Por iso, a choiva destos días nas nosas terras é recibida por "case" todo o mundo coma unha bendición. A verdade é que polas fotos que se publican con esta noticia, na nosa parroquia aínda temos reservas de auga para unha tempada xa que na imaxe de abaixo vemos como "os do AVE" están a facer unha lagoa nas súas excavacións. Se se acaba a auga, beberemos viño :-P

16/11/07

A REVISTA

Xa está aquí o proxecto tan ansiado por tod@s: A edición nº1 da revista "debotos". De momento podedela baixar en formato pdf nos vosos ordenadores dende a web www.debotos.es, aínda que penso que se van a repartir algúns exemplares editados para a presentación oficial da revista. Un montón de artigos dos que podemos opinar e debatir neste blog (entre outras moitas cousas...). Esperemos que o éxito acadado con esta primeira edición faga que se chegue a unha segunda edición (polo menos!!), e coa creación da web www.debotos.es poidamos xuntar máis ideas, artígos, contos, pasatempos, ... para que en cada nova edición o número de páxinas sexa maior. Noraboa a tódolos que fixeron posible todo isto...

11/11/07

EXITOSO MAGOSTO



Entre castañas, viño e augardente, e nun local social que por momentos se quedaba pequeno, ninguen pasou frío. Temperaturas baixo cero no exterior, pero no interior todo o mundo tiña calor. Sería pola queimada, polo lume da cheminea ou quizais polos aplausos que recibía o noso amigo CELSIÑO con cada un dos contos que chamaban a atención de todo o mundo, dende os máis pequenos ós máis maiores. A continuación de Celsiño non faltou FOLIADA e uns bailes para rematar unha noite de troula sen olvidarnos do principal homenaxeado: A CASTAÑA. Se pinchades aquí podedes ver as fotos do evento.

8/11/07

*** MAGOSTO ***

VENRES 9, a partir das 21:00 HORAS no LOCAL SOCIAL de BOTOS
MAGOSTO
CONTACONTOS
CELSIÑO e FOLIADA
Traede algo pra “picar”.

Ó viño, ó pan e a augardente convida a Asociación


4/11/07

Día de Defuntos

Acabamos de terminar unha ponte festiva na que coma tódolos anos temos que lembrarnos dos nosos seres queridos, de aqueles que nos deixaron un día e que xa non están entre nós. Da gusto ver como se lle dá "vida" e colorido os cemiterios, aínda que sexa un día o ano. Esta imaxe foi sacada no cemiterio de Botos (a carón da igrexa). O tempo nesta ponte foi bo e fixo un clima agradable para que centos de persoas saíran das súas casas e poideran así compartir uns minutos preto de onde viron por última vez ós seus achegados. Que Descansen En Paz.