


Ainda que nacida en Calgary no 1955, Erín defínese como galega, irlandesa, ucraína e polonesa, unhas raíces verdadeiramente canadenses, en palabras súas: un cruzamento de emigracións, de historias cheas de tristuras, dificultades e valor
O seu bisavó paterno, Juan Benito Moure e Lobariñas naceu en Crecente (1848); tivo tres fillos: un deles foi o avó de Erín, Juan Benito Moure.

No ano 1994 chegou a Galicia co seu pai buscando a aldea do seu avó. Relata que eles non sabían que eran galegos e que ó escoitar galego por primeira vez sorprendeuse e aledouse; nunha viaxe a Vigo no 1998 mercou libros para aprender o idioma, no 2001 regresou a Santiago como alumna dun curso de verao para estranxeiros, desde entón non parou de volver e volver a Galicia.
Tamén lle gusta cociñar e rir. Ten bicicleta, esquís, patíns, zapatos, pantuflas, botas de goma, calcetíns, billetes de avión, pero non ten coche.